Ballmer suxire nunha entrevista que a Xbox 360 podería contar cun lector externo de Blu-ray

xoves, 22 de outubro do 2009 Marcus Fernández

O blog tecnolóxico Gizmodo realizou unha curiosa entrevista a Steve Ballmer, na que o máximo responsable de Microsoft compartiu comentarios sobre o proxecto Natal (que podería dar un novo pulo á Xbox 360 e ao xeito de entender os videoxogos) e deu a entender que nun futuro a Xbox 360 podería contar cunha unidade de lectura de discos Blu-ray, aínda que coma accesorio externo coma fixeron no seu día co HD DVD.
De todos os xeitos, as declaracións de Ballmer poderían malinterpretarse, pois literalmente dixo que «non sei se é preciso pór Blu-ray aí, serías capaz de ter lectores de Blu-ray coma accesorios», o que resulta demasiado vago como para tomalo coma un anuncio firme.
Lembremos que hai poucas semanas Ballmer tamén fixo comentarios sobre o proxecto Natal que tivo que rectificar nos seguintes días, pois entendíase que Microsoft lanzaría unha Xbox 360 co Natal integrado, cando esta funcionalidade comercializarase coma accesorio (aínda que existirán paquetes da consola que o inclúan).


A entrevista a Ballmer en Gizmodo

ACTUALIZACIÓN: Antes comentamos a pouca fiabilidade das declaracións de Ballmer e antes saen dende Microsoft para desmentir que vaian a sacar unha unidade de Blu-ray para a Xbox 360. Aseguran que a Xbox 360 xa permite a reprodución de películas a 1.080p a través de streaming, polo que non ven a necesidade de adoptar o Blu-ray coma soporte de vídeo. A estratexia actual de Microsoft a este respecto é fuxir dos produtos físicos e tender aos servizos baseados na Internet.

PUBLICIDADE