Até 300 emprendedores acudiron á presentación de The South Summit no Porto do Molle

luns, 4 de maio do 2015 Redacción

INCYDE, o Consorcio da Zona de Francia de Vigo e Spain Startup presentaron a semana pasada no Porto do Molle (Nigrán) a vindeira edición de The South Summit, que se celebrará en outubro en Madrid na praza das Ventas. Conxuntamente coa presentación, até trescentos emprendedores galegos valoraron a súa participación cos proxectos de seu de cara á dita competición de startups, a xuízo dos seus impulsores “sen dúbida a máis importante do sur de Europa”.
María Benjumea, fundadora e presidente de Spain Startup, compartiu na xuntanza en Nigrán o amplo abano de oportunidades que ofrece emprender e participar en iniciativas como a ela e o seu equipo impulsan, facendo fincapé en que “non existe un único camiño para pór en marcha un soño”. Salientou tamén “a importancia de aprender a afrontar os riscos, atopar os compañeiros de viaxe axeitados e estarmos abertos ás oportunidades que xorden no camiño”. Logo das presentacións celebrouse un panel de innovación aberta e novas empresas e no que participaron, entre outros, Francisco Pino, socio e director de I+D en Marine Instruments, e Jorge Schnura, fundador de Tyba, que amosou a súa experiencia para crear este portal de emprego.
Asemade, seis responsábeis de empresas que naceron na aceleradora ViaVigo (Consorcio da Zona Franca) tiveron a oportunidade de presentar os proxectos desenvolvidos e participar no obradoiro que impartiu Joe Haslam sobre negocios a través do móbil. Haslam, profesor de innovación e de novas empresas na IE Business School (amais de co-fundador de Hot Hotels) explicou o porqué da capacidade do móbil para “multiplicar por dez as oportunidades de negocio”, desbancando ás webs para este cometido. E engadiu: “As empresas deben pensarse primeiro en móbil e en segundo lugar, en web”. Haslam tamén lle lembrou á audiencia convocada en Nigrán que as mulleres galegas son as máis emprendedoras de toda España, segundo un estudo realizado o ano pasado por Spotcap.

PUBLICIDADE