Asociacións de consumidores dan o seu pleno apoio ó Día Sen Móbil, este 1 de marzo

mércores, 28 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Lembremos: o primeiro de marzo (este xoves, concretamente) vai ser o Día Sen Móbil, unha xornada para que todos aqueles usuarios de telefonía móbil (practicamente todos os cidadáns de Galiza, seica) que non estean de acordo coa vindeira subida de tarifas das operadoras se manifesten en contra e o fagan do seguinte xeito: deixando o móbil na casa, desconectándoo ou simplemente empregándoo para mirar a hora ou como obxecto decorativo. Cómpre subliñar que esta xornada sen móbiles é a segunda das dúas que estaban previstas (a primeira foi o 6 de febreiro) e que as previsións son de que se acade unha participación maior dos directamente prexudicados (os usuarios de a pe) pola dita subida do 25% no establecemento de chamada prevista polas tres operadoras principais.
A convocatoria está a recibir apoios dun número importante de asociacións e colectivos de consumidores, como por exemplo Ausbanc Consumo, o Consello de Consumidores e Usuarios (CCU), a Confederación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios, a Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros (ADICAE) ou Consumidores en Acción (FACUA).
Ángel Garay, voceiro de Ausbanc, manifestou onte nunha rolda de prensa en Madrid que hai “sinais de que existe un pacto entre as operadoras para fixar este incremento no establecemento de chamada a partir da entrada en vigor este primeiro de marzo da Lei de Mellora de Protección de Consumidores que prohibe expresamente o redondeo á alza. Ó seu xuízo, “ o que temos perante dos ollos é unha manobra comercial para cubrir as perdas que terán coa supresión do redondeo”.
Á campaña do Día Sen Móbiles vén de contribuír tamén dende as súas orixes a Unión de Consumidores de España (UCE), para quen este incremento das tarifas é un xeito de dar un chimpo sobre a propia Lei co fin de seguir facendo caixa (as operadoras) a costa dos usuarios, “de maneira pouco clara e cun incremento inxustificado”.
Para UCE, existe un dereito fundamental e é o dereito dos cidadáns a seren informados cun mes de antelación das modificacións a introducir no contrato e da posibilidade de darse de baixo do mesmo sen pagar penalización algunha.

PUBLICIDADE