As xornadas JAI baterán records este ano en participación empresarial

venres, 29 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

O profesor Armesto, coordinador das xornadas

Máis de douscentos alumnos e outros tantos profesionais do sector tecnolóxico-industrial e dixital teñen xa confirmada a súa asistencia ás Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial, JAI 2010, que se celebran do 15 ao 19 de novembro no Centro Social Caixanova de Vigo. Amais desta participación, os encontros tamén contarán coa presenza activa de preto de corenta docentes da Universidade, aos que cómpre engadir os representantes das compañías galegas, estatais e estranxeiras que apoian de diversa índole a celebración do evento, algunhas delas de especial relevancia no panorama mundial da innovación industrial. Estes e outros datos foron achegados esta semana por Nacho Armesto, principal impulsor das xuntanzas, quen fixo fincapé en que nesta edición, a cuarta, vaise igualar por vez primeira o número de estudantes co de representantes do sector.
Estes datos”, sinalou, “poñen de manifesto a relevancia das xornadas, o que nos permite achegarnos a un dos obxectivos que nos propuxemos no comezo: lograr a paridade na presenza do alumnado e da empresa”, conta o profesor Armesto.
As xornadas que teñen o apoio de institucións e empresas como o IGAPE, a Xunta, o Porto, o Ministerio de Educación ou Caixanova, diríxense á divulgación de todo aquilo que teña relación coa vangarda da automatización industrial, ou, para entendérmonos, cos recursos e servizos (software, maquinaria, robots, etc) postos arestora en xogo para favorecer os procesos das empresas. Máis polo miúdo, trataranse temas como a xestión da auga, da enerxía e do medio ambiente; a automoción; a robótica industrial e a soldadura láser. “Contaremos con máis de corenta relatores do máximo nivel, que nos traerán todas as novidades do sector”, apunta o Armesto, a quen hai ben pouco tivemos a oportunidade de entrevistar para a web de Código Cero.
Entre os relatorios, Armesto quixo salientar na presentación das JAI o que ofrecerá o día 18 Manuel Montes, pertencente ao grupo Desarrollanet, responsable do control de acceso ás xornadas. Trátase dunha empresa galega especializada en eventos de máxima seguridade que na actualidade está desenvolvendo o tema do recoñecemento de caras en colaboración co Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant. “Este é un perfecto exemplo da denominada transferencia de coñecemento, pois dende o eido académico estáselle a ofrecer a esta empresa tecnoloxía que a converte en punteira no sector”, explica Armesto.

PUBLICIDADE