As preinscricións para XGN arrancan este sábado ás 17.00 horas

venres, 6 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

Unha intre da edición 2007 achegado por Gustavo Farina no Flickr

Cumprir dez anos, en todo o que non teña relación directa coas novas tecnoloxías, segue a ser cumprir dez anos. Pero a cousa muda cando falamos do dixital, un eido onde os reloxos van ao seu tempo (rápido de vez), e máis aínda cando o que temos entre mans é un encontro que resiste -firme na súa vixencia- mentres os restantes, mesmo os de maior prestixio (pensemos por exemplo no CeBIT de Alemaña, menos concorrido ca nunca), apáganse coma plantas murchas. Pois si, o décimo cumpreanos de Xuventude Galiza Net non é nin pode ser un aniversario calquera: é, malia o moito que se pode mellorar da súa proposta, un xeito de resistencia. Asemade, e para quen queira interpretar a Internet como o peor dos males sociocomunicativos do século XXI, a pervivencia deste evento ao longo dunha década enteira ben pode ser a proba de quen non todo o que chega pola Rede é negativo. A fin de contas, quen volve meter a man no lume logo de queimarse?
Sexa como sexa, para quen ande á procura de sitio na meirande party galega, sinalar que este venres é o último día para darse de alta na súa páxina, deixándose para o sábado o que ben poderíamos chamar a proba de lume: a achega do formulario de inscrición ás 17.00 horas. Para facer o máis doada posible a cumprimentación dos datos persoais, entre a dita hora do sábado e as 10.00 horas do luns día 9 ficará habilitada unha páxina especial para as preinscricións que substituirá á habitual de Xuventude Galiza Net.
Por certo que o lugar elixido para a edición deste ano (a celebrar entre o 3 e o 5 de abril) non é o mesmo có das anteriores convocatorias, o Pazo de Congresos e Exposicións de Compostela. O desta volta vai ser o Multiusos Fontes do Sar da mesma cidade, un recinto de máis axeitadas características para, finalmente, dar renda solta a un obxectivo até o de agora conxelado: ampliar a capacidade da party.
Así, con este novo aforo, duplícase o número de prazas con respecto ás de 2008, que foron 1.500. A edición deste ano, tratándose como se trata da décima dun encontro que coma as redes sociais en liña xorde para medrar, ten moito de ampliación a todos os efectos. Ao medre no número de prazas hai que engadirlle outro a ter en conta: o medre da franxa de idade das persoas que poden participar. En certa maneira, estamos falando dunha xuntanza que se fai maior ao mesmo tempo que se converte en nova: puideron inscribirse nela mozos e mozas de idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos. Este feito, unido ao interese xa plasmado en anteriores edicións por poñer ombro con ombro a internautas novos con outros da terceira idade (interese que este ano seguirá vixente, co fin de favorecer a vida interxeracional en liña), reflicte o papel da organización como refundadora do termo “xuventude” e do seu significado.
Dito doutro xeito: a este paso, de non cesar as facilidades para concorrer na party por cuestión de idade, ser internauta constituirá a mellor garantía para participar, con independencia dos anos que se teñan.

PUBLICIDADE