As novas formas consumo e distribución de contidos debateranse en DICO Summit

mércores, 18 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

O vindeiro 24 de xaneiro botará a andar DICO Summit, encontro que na súa primeira xornada desenvolverá, entre outros moitos contidos, un panel sobre Novas Plataformas e Medios, no que estarán presentes representantes de operadores de telecomunicacións, grupos de comunicación e plataformas de distribución, que son os que están a procurar tirar proveito dos novos xeitos de distribuír e consumir contidos dixitais, creando novos modelos de negocio.
Concretamente as compañías que intervirán serán Vodafone, Orange, Euskaltel, Andorra Telecom, PRISA INN, Wuaki TV e RTVE. O panel, moderado polo especialista en transformación dixital e novos medios, José Manuel González Pacheco, estará dividido en dúas áreas temáticas. Así, baixo o título A visión dos contidos nos operadores de telecomunicacións intervirán Jesús J. Rodríguez Ramos, Manager of TV Product de Vodafone Spain; José Antonio Guzmán, director de Servizos audiovisuais de Orange; Idoia Uriarte, directora de Televisión de Euskaltel Group; e José Alonso de Andorra Telecom.
A segunda mesa deste panel abordará A visión dos contidos en medios e novas plataformas coa intervención de Alejandro Vega, Chief Digital Officer de RTVE; Javier Lasa, director de Innovación de PRISA INN (Grupo Prisa), e José Monleón, Country Manager de Wuaki TV.

Inscrición de balde

A inscrición ao evento DIgitalCOntents (DICO) Summit 2017 xa está dispoñible para a súa formalización en liña completamente de balde antes do inicio das xornadas. Os asistentes ao encontro, que se celebrará os días 24 e 25 de xaneiro, poderán coñecer as últimas novidades sobre os contidos dixitais e a súa repercusión en novos modelos de negocio en diferentes ámbitos da man de profesionais e empresas referentes neste ámbito.
Ao longo de dúas xornadas, DICO Summit 2017 ofrecerá catro tipo de actividades complementarias. Por unha banda, os paneis e intervencións de entidades e profesionais de referencia de ámbito estatal e europeo que ofrecerán a súa visión sobre os contidos e a transformación dixital; o novo concepto de televisión e plataformas audiovisual, os videoxogos, as tecnoloxías de base ou os casos de éxito en determinados campos da economía dixital.

Actividades paralelas

DICO Summit contará tamén cun espazo de exhibición, un showroom, no que os asistentes poderán coñecer parte das tecnoloxías que marcarán o futuro dos contidos dixitais e as súas aplicacións prácticas. Haberá tamén tempo para que as empresas asistentes conversen entre elas cun espazo de networking, habilitado especialmente para o coñecemento entre empresas e profesionais co obxectivo estreitar lazos e fomentar acordos e colaboracións dentro do mundo dixital. Por último, impulsarase o talento local a través do concurso de ideas relacionadas con novos proxectos no campo dos contidos dixitais.

PUBLICIDADE