As eleccións poderán seguirse a través das súas aplicacións móbiles oficiais

venres, 21 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Os cidadáns interesados no escrutinio nas pasadas eleccións municipais atoparon como a páxina web oficial dos comicios experimentaba serios problemas técnicos, aínda que as aplicacións móbiles oficiais non tiñan problemas para operar, de aí que para a xornada electoral do vindeiro domingo, aparte da páxina web oficial, parece atinado recomendar a instalación da aplicación oficial desenvolvida polo Ministerio do Interior para Android e para iOS, que ofrecerá información destacada durante a xornada electoral, permitirá consultar en tempo real o escrutinio para o Congreso e o Senado, e incluso conta cun simulador de maiorías no que podemos seleccionar posibles pactos entre candidaturas para saber se poderían conformar goberno.
Sobra dicir que toda esta información tamén estará dispoñible a través dos principais medios de comunicación do Estado, con cadanseu especial informativo, pero o uso das aplicacións móbiles do Ministerio do Interior permite afondar no detalle dos resultados, o que agradecerán moitos cidadáns interesados en coñecer, por exemplo, o escrutinio da súa mesa electoral en concreto.

PUBLICIDADE