As copias de seguridade de WhatsApp contarán no almacenamento de Google Drive

mércores, 15 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Para evitar a perda de conversas en WhatsApp, incluso aínda que mudemos de dispositivo, dende hai anos contamos coa posibilidade de que esta información se copie de xeito automático dentro da nube de Google, destacando o feito de que en 2018 WhatsApp e Google chegaron a un acordo para que as copias de seguridade de WhatsApp non contase na cota de almacenamento de Google Drive (destacando que, de levar máis dun ano sen actualizarse, borraríanse).
Pero estas condicións vantaxosas para os usuarios de WhatsApp van dicir adeus, e o Centro de Axuda de WhatsApp recolle que nos vindeiros meses as copias de seguridade pasarán a contar para o límite de almacenamento da conta de Google, ou sexa, que no caso de quedar sen espazo suspenderase a realización de copias de seguridade, polo que haberá que procurar facer limpa en Google Drive (ou pagar por almacenamento adicional) se queremos manter as copias actualizadas e así evitar perdes conversas no caso de accidente.
Este cambio farase efectivo para os usuarios de WhatsApp Beta a partir de decembro, e irase espallando ao resto de usuarios de WhatsApp para Android ao longo da primeira metade de 2024. 30 días antes do cambio a sección de copias de seguridade nos axustes de WhatsApp amosará un banner de advertencia.
Cómpre lembrar que para transferir as conversas entre dispositivos non é preciso empregar Google Drive, senón que a nube serve principalmente para simplificar a operación e evitar a perda accidental das mensaxes.

PUBLICIDADE