As chaves do éxito empresarial de Google a debate en Vigo

xoves, 9 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

O club de lectura sobre marketing en liña que se xunta periodicamente en Vigo, The Monday Reading Club, trasladarase á sede de AJE-Galicia (na rúa do Príncipe, 53) para estrear mes e ano debatendo sobre o libro de Jeff Jarvis Y Google, ¿cómo lo haría?, que debulla 40 sinxelas regras que toda empresa debería seguir para imitar o éxito de Google. O texto tamén afonda na realidade da era dixital, unha era de cambios e retos constantes, así como de grandes oportunidades.
O relator que se encargará de presentar a obra de Jarvis non é outro que Pablo Campos Alonso, galego con experiencia laboral na sede de Zürich da compañía de Mountain View, quen poderá achegar aos asistentes unha visión aínda máis completa do libro ao redor do que se pretende establecer unha produtiva conversa.
O encontro desenvolverase o vindeiro luns a partir das 19:25 horas.

The Monday Reading Club tende a xuntar en Vigo a ducias de profesionais do marketing e a Internet para debater sobre temas de interese empregando un libro como fío condutor

PUBLICIDADE