As antenas de telefonía móbil centrarán unhas xornadas da FEMP en Lugo

xoves, 16 de novembro do 2006 Fernando Sarasketa

As antenas de telefonía móbil seguen a crear controversia e a servir de alicerce para debates con posicións abondo encontradas. Xerar diálogo e respostas a unha longa listaxe de preguntas que semella que aínda fican no aire é un dos grandes obxectivos das Xornadas informativas sobre as instalacións de telefonía móbil que se organizan en Lugo os días 20 e 21 de novembro.
O encontro, que está organizado pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), AETIC e o Concello de Lugo, divídese en dúas partes: unha primeira, a do día 20, dirixida a tódalas asociacións de Lugo e poboación en xeral e unha segunda, a do 21, que ofrecerá contidos para os alcaldes de Galiza e zonas de influencia como Asturias e Castela-León.
O obxectivo das xornadas é “responder á demanda social de información sobre a implantación de infraestruturas de radiocomunicación, especialmente das garantías técnicas e sanitarias”.
Neste senso e tendo en conta o complicado da cuestión (con opinións moi encontradas entre, por exemplo, os colectivos veciñais e as operadoras de telefonía), o alcalde de Lugo comprometeuse estes días a garantir o debate e a información útil e veraz, “co fin de chegar a un acordo social”. Nas xornadas participarán especialistas nacionais na cuestión das antenas de telefonía, segundo apunta o Concello.
A primeira xornada titúlase As infraestruturas de radiocomunicación, desenvolvemento local e calidade de vida: aspectos técnicos e sociais. Será o día 20 de novembro, pola tarde (de 16.30 horas a 20.00), no centro social Uxío Novoneyra –rúa Quiroga Ballesteros–. A segunda terá practicamente os mesmos contidos pero está dirixida ás autoridades e técnicos dos Concellos. Celebrarase o día 21 no salón de Caixa Galicia (de 9:15 horas a 14:30 horas).

PUBLICIDADE