As Tartarugas Ninja volven homenaxeando os clásicos xogos de salóns recreativos

mércores, 10 de marzo do 2021 Marcus Fernández

En plena febre cultural provocada polas Tartarugas Ninja Konami lanzou unha serie de xogos de recreativa, con versións para outras plataformas, que convertéronse en grandes referentes dos beat’em up, tanto pola calidade destes xogos como polas propias máquinas recreativas que permitían participar a 4 xogadores de xeito simultáneo, e ante o feito de que moitos outros xogos posteriores non conseguiron callar entre o público, dende Dotemu e Tribute Games decidiron apelar á nostalxia e preparar un xogo novo, pero que adoptará as mecánicas e a estética dos clásicos xogos de Konami.
Teenage Mutant Ninja Turtles: Shredder’s Revenge é o título que levará este xogo que chegará en breve para PC e consolas, convidándonos a controlar ás nosas tartarugas mozas favoritas na súa loita contra o Desfibrador e o Clan do Pé, podendo incluso xuntarse até 4 xogadores á vez.
Non faltarán no xogo personaxes como Bebop, Rocksteady e o malvado Krang, así como moitos escenarios que recoñecerán tanto os que xogasen aos títulos de recreativa como os que seguisen a serie de televisión que puidemos ver no seu día na Galega, na que se inspira este xogo que presentará gráficos pixelados para que os xogadores poidan viaxar no tempo ao experimentar este título con aires retro.

TMNT: Shredder’s Revenge está inspirado na serie de animación que puidemos ver na Galega a primeiros dos anos 90

Vídeo de presentación de TMNT: Shredder’s Revenge

PUBLICIDADE