As Oculus Rift poderán funcionar en ordenadores que custen menos de 1.000 dólares

venres, 25 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Estes días está a celebrarse o encontro Connect 2, no que profesionais de todo o mundo están a coñecer de preto as novidades relativas á tecnoloxía de realidade virtual que promete arrasar o ano que vén, e as novidades que presentan vai moito máis aló das lentes Gear VR, no que a aproximación ao público se refire, senón que tamén deron unha magnífica nova para os interesados en gozar de Oculus Rift no seu PC: será posible atopar ordenadores potentes dabondo para funcionar con Oculus por menos de 1.000 dólares.
Hai uns meses os responsables de Oculus avanzaran que un ordenador compatible coas Rift custaría uns 1.500 dólares, o que facía que falásemos dunha tecnoloxía que estaría bastante afastada do grande público, pero agora aseguran que o hardware desenvolvido por nVIDIA, Asus, Alienware, Dell, AMD e Intel farán posible configurar un ordenador de grande potencia como para xerar os detalles e a velocidade de cadros por segundo que permitan que a experiencia de realidade virtual sexa crible e confortable. De feito, espérase que o ano que vén os equipos que cumpran coas especificacións mínimas para funcionar coas Rift de xeito fluído poderán lucir o selo Oculus Ready, que promete converterse en toda unha garantía para os gamers.
Estes días tamén están a presentar numerosos xogos que demostran o que pode facerse coa realidade virtual, dos que moitos incluso funcionarán coa básicas Gear VR, dando a intención de que as empresas están a esforzarse para que a realidade virtual sexa unha revolución, intentar transmitir confianza nesta tecnoloxía para que o público non a vexa con receo por ter en consideración antecedentes como o 3D (tecnoloxía á que chegaron a adaptarse as consolas de videoxogos da anterior xeración para verse rapidamente abandonada).
Un curioso proxecto de realidade virtual que chamou a atención onte foi Oculus Arcade para Gear VR, que consiste nun contorno virtual que simula un salón recreativo no que podemos xogar a máis de 20 xogos clásicos como Sonic the Hedgehog, Gauntlet, Spyhunter ou Pac-Man, o que vén a ser unha simple interface virtual para consumir produtos xa existentes, como tamén están a facer moitas compañías que producen contidos audiovisuais, e que están a confirmar a súa compatibilidade con Oculus Video, que non é outra cousa que permitir aproveitar as lentes de realidade virtual para simular que temos diante unha pantalla de cine, sendo moito máis interesante a proposta de Facebook dos últimos días, co anuncio do soporte de vídeo de 360 graos que será compatible con Oculus.
Outra importante novidade para Oculus é a confirmación de que Minecraft, xogo que resultaba moi prometedor na súa versión para as HoloLens de Microsoft, non deixará de lado tanto as Gear VR como as Rift, e estrear versión de realidade virtual en primavera, estando involucrado en tal produción o propio John Carmack (director técnico de Oculus VR, popular por ser o desenvolvedor principal de xogos como Doom e Quake), quen considera crucial para o éxito da realidade virtual que esta tecnoloxía estea presente no noso uso diario, de aí que apostase persoalmente por facer posible o uso das solucións de Oculus tanto en Minecraft como na aplicación de Netflix.

Como bo exemplo de xogo de realidade virtual estes días presentouse Bullet Train, un shooter no que faise un uso intensivo do popular tempo bala

PUBLICIDADE