Arousa Party 2007 segue adiante: no auditorio de Vilagarcía, do 1 ó 3 de xuño

venres, 25 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

A nova edición da Arousa Party continúa adiante, só que noutras datas distintas ás previstas nun principio, máis axeitadas (agora) á dispoñibilidade e ó tempo de lecer dos principais demandantes deste tipo de eventos informáticos multitudinarios: os mozos e as mozas de entre 18 e 30 anos, procedentes de Galiza e do resto do Estado. O que non varía é o número de xornadas, tres, do día 1 ó 3 de xuño, no auditorio de Vilagarcía, sendo a Asociación de Internautas das Rías Baixas (AIRBAG) a entidade organizadora.
O certo é que a party vén de recibir os días pasados un novo pulo, e iso percébese nunha serie de cuestións, como por exemplo na posta en marcha dunha nova web, moito máis útil e mellor deseñada, e na confirmación do Auditorio da devandita localidade arousá como centro de operacións, espazo moito máis idóneo e accesible para os participantes, segundo apunta a organización. Por certo, que xa está aberto o prazo para as inscricións.
O encontro, que conta co patrocinio do Concello, Fexdega e a Deputación de Pontevedra, ten segundo apunta AIRBAG estes grandes obxectivos:
· Que a xente coñeza Internet e todas as posiblidades que achega.
· Que os usuarios tiren partido de todos os recuros dispoñibles de información en liña, “sendo a rede a mellor enciclopedia que existe hoxe en día”.
· Comunicacións. Trátase de amosar a rapidez e a amplitude de vantaxes da Rede.
· Compartir coñecemento a través de cursos, relatorios e charlas. Dar a coñecer os máis recentes avances en materia de novas tecnoloxías da información.

PUBLICIDADE