Apple renova o MacBook Air, o Mac mini e os iPad Pro

martes, 30 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Durante a xornada de hoxe Apple celebrou un evento especial dende a Howard Gilman Opera House da Academia de Música de Brooklyn que serviu principalmente para dar conta do hardware da compañía da mazá que estaba pendente de renovar. Deste xeito déronse a coñecer os novos MacBook Air, portátiles que por fin contan con pantalla Retina, que xunto con novos procesadores, teclado e trackpad de nova xeración, tecnoloxía Touch ID e portos Thunderbolt 3 (USB-C) supoñen unha posta ao día moi significativa, que permite manter viva esta liña de equipos portátiles que gozaba de moi boa sona.
Outros equipos que precisaban dunha renovación dende hai moitos anos eran os Mac mini, que na súa versión renovada sorprenden pola súa elevada potencia e amplo abano de configuracións que fan que teñamos ordenadores compactos de entre 899 e 4.969 euros.
Os iPad Pro, pola súa banda, eran os produtos máis previsibles, xa que tenden a renovarse anualmente, e moitas filtracións apuntaban a que adoptarían a tecnoloxía Face ID para poder dicir adeus ao botón de inicio e así poder aproveitar mellor a súa parte frontal.
Precisamente os novos iPad viñan acompañados pola estrea de iOS 12.1, actualización do sistema operativo móbil de Apple que incorpora a esperada funcionalidade de FaceTime de grupo e máis de 70 novos emoji, aínda que os usuarios que máis agradecerán esta actualización serán os que teñen algúns dos novos iPhone, xa que agora poderán axustar a profundidade de campo da cámara tanto antes de disparar a instantánea como despois e tamén reciben o soporte de dobre SIM, ou sexa, que poderán ter no móbil tanto unha nano SIM como unha eSIM (ou SIM virtual).

PUBLICIDADE