Apple bloquea as mensaxes enviadas a través de Beeper Mini

luns, 11 de decembro do 2023 Marcus Fernández

O lanzamento da aplicación Beeper Mini supuxo unha revolución para usuarios en territorios nos que a mensaxería de Apple emprégase de xeito masivo (como é nos EE.UU.) xa que permitía comunicarse con usuarios de iPhone de xeito nativo dende móbiles Android, de xeito que na aplicación de mensaxes de iOS non aparecen as mensaxes remitidas dende Android nunha burbulla de cor verde, senón que aparecen en burbullas de cor azul.
A innovación de Beeper Mini está en que non precisa servidores para o seu funcionamento, senón que funciona directamente no móbil do usuarios, evitando así posibles filtracións de datos, aínda que para conseguir iso tiveron que aplicar métodos de enxeñaría inversa e prácticas que supoñen a vulneración da seguridade da mensaxería de Apple, o que provocou que a compañía de Cupertino tomase medidas, e o pasado venres comezáronse a detectar problemas de funcionamento de Beeper Mini.
Aínda que dende Beeper conseguiron solucionar temporalmente os problemas, atoparon que rapidamente volveron fallar os envíos de mensaxes dende Beeper Mini, confirmándose logo que estaban a xogar ao gato e o rato con Apple, compañía que manifestou que tomaron medidas «para protexer aos nosos usuarios bloqueando técnicas que aproveitaban credenciais falsas para conseguir o acceso a Mensaxes. Estas técnicas supoñen un risco significativo para a seguridade e privacidade dos usuarios, incluíndo o potencial de expor metadatos e facilitar as mensaxes non desexadas, o spam e os ataques de phishing».
Podemos entender así que unha aplicación como Beeper Mini será imposible de manterse se Apple non o autoriza, o que pode chegar a converterse en todo un pesadelo legal para Apple, que nun principio parece que librarase de abrir a súa mensaxería a terceiros en Europa, pero que agora tería que defenderse dos lexisladores nos EE.UU., que non ven con bos ollos o que están a facer bloqueando Beeper Mini. De feito, a senadora Elizabeth Warren manifestou que «conversar entre distintas plataformas debería ser doado e seguro», comentando que o que está a facer Apple pode verse como unha práctica que atenta á competencia.

ACTUALIZACIÓN: Pese aos atrancos postos por Apple, Beeper vén de actualizar a súa aplicación Beeper Mini, de xeito que polo momento permite enviar mensaxes nativas aos iPhone, aínda que conscientes de que Apple pode aplicar novas medidas para bloquear a aplicación, pasa a ser de balde, de xeito que non recuperará as subscricións de pagamento até que consigan estabilizar o seu funcionamento.

PUBLICIDADE