Apoios en GalegoLab para crear unha fundación que manteña o espírito de Chuza!

martes, 27 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Agora que unha boa parte dos internautas galegos andamos un pouco sen rumbo pola Rede dende que Chuza! confirmou o seu peche, somos moitos tamén os que nos preguntamos que vai ser dos froitos colleitados en materia de información e colaboración ao longo do tempo en que ficou activa a dita comunidade en liña. Debe perderse todo ese potencial? A xuízo dalgunhas persoas que colaboraron arreo na web, sería unha gran magoa que así fose, de aí que entre as varias propostas achegadas para sacar á superficie o espírito chuzeiro estea a cobrar forza a creación e posta en marcha dunha entidade sen arela de lucro que traballe, coma Chuza!, a prol da información libre e en galego. Trataríase polo tanto dunha fundación que levase o mesmo nome, e xa a podemos ver a proposta en GalegoLab, a plataforma en liña dende a que se promoven todo tipo de ideas para relanzar a nosa lingua. Arestora, o proxecto para a fundación é máis unha idea ca un proxecto, pero semella ir con vento a favor.
De feito, a vista dos datos do mediodía deste martes 27, o 51% das votacións efectuadas ao longo dos tres días en que ficou á vista na web cualifícana de “xenial”.
De seguir a proposta este camiño de apoios, co obxectivo de manter viva a rede social galega que vén de chegar a punto morto (e incluíndo no feixe de cousas a conservar a súa “innegable achega para a lingua”), é ben probable que acabe por cruzar a liña das ideas para ir collendo feitura de realidade. Os obxectivos da iniciativa serían os devanditos: divulgar novas libremente e en galego, animando á comunidade galega a participar promovendo a web, compartíndoo cos seus contactos e achegando novas.

PUBLICIDADE