Chuza! dirá adeus a noite do domingo
sábado 24 de xullo do 2010, por |

- O administrador de Chuza, Berto Yáñez, na redacción de Vieiros hai uns anos
Cando moitos aínda non foran
quen de dixerir a noticia do
peche de Vieiros, dende o blog de Chuza, o servizo galego de recomendación
de novas na que os propios usuarios eran os que definían a súa liña editorial a
través das súas votacións e comentarios, anuncia o seu peche para a
noite do día 25, de xeito que o vindeiro luns Chuza non estará operativo,
ante a imposibilidade do seu administrador de continuar a manter un sistema
cada vez máis complexo e non ter atopado a alguén axeitado para coller o seu
relevo.
Berto Yáñez asegura que o traspaso dunha páxina web é algo máis complexo que
pasar un contrasinal, aínda que lembra que o código co que funciona Chuza é aberto,
así coma o de Menéame (no que se basea Chuza), de xeito que resulta
relativamente doado lanzar outro servizo semellante para encher o oco que queda
na Internet galega.
Para evitar que os contidos de Chuza queden no esquecemento, traballarase para manter o arquivo
público, aínda que inicialmente non estará dispoñible pois para iso hai que
solucionar antes certos detalles técnicos. Tamén queda o compromiso de que se
xurde unha iniciativa representativa da comunidade chuceira actual, esta será enlazada visiblemente ao acceder a
Chuza.gl no futuro.
Actualmente Chuza conta con 5.712 usuarios rexistrados,
entre
85.000 e 102.000 usuarios únicos ao mes, está entre as 50 páxinas web galegas máis
populares e, en definitiva, convertérase nun referente informativo para
moitos galegos, polo que a partir da semana que vén a súa ausencia deixarase
notar, e só queda agardar a que iniciativas semellantes ocupen o seu lugar.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















