Anuncian o cadro de relatores para a vindeira edición de LGx15

luns, 9 de outubro do 2023 Marcus Fernández

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) organiza un ano máis unha edición de LGx15, un espazo de reflexión sobre o futuro da lingua galega que tira proveito da Rede para levar a súa mensaxe ao amplo público e que desta volta gravarase no Teatro Principal de Pontevedra o sábado 28 de outubro a partir das 19:00.
A gala do LGx15 contará coa presentación (e participación) da actriz Neves Rodríguez, a animación musical de Xiao Berlai, e a participación a través de distintos relatorios do docente Paco Veiga, de Carlos Airas, a tradutora Magdalena Sánchez, o debuxante, editor e humorista gráfico Kiko da Silva e o youtubeiro Fran da Lobeira, da canle A Lobeira Today, quen abordará na súa intervención a normalización lingüística con YouTube.
As experiencias, os argumentos, as opinións, as propostas, as reflexións e, en definitiva, as ideas que se compartan en Pontevedra para o futuro da lingua poderán verse máis adiante a través da canle de YouTube da CTNL, onde podemos ver tamén intervencións pasadas como a de Alba Mancebo reflexionando sobre a importancia de contar historias en galego na Rede, o relatorio de Agos Reigosa sobre a feble posición que ten o galego na Internet (coa esperanza de que crear comunidades e publicar contidos na nosa lingua é posible) ou mesmo a exposición do enxeñeiro informático Isaac González sobre a situación do galego partindo dunha explicación sobre o funcionamento da intelixencia artificial.

PUBLICIDADE