Anuncian Street Fighter 6 e Capcom Fighting Collection

luns, 21 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

Para rematar con bo sabor de boca a tempada do Capcom Pro Tour 2021, a compañía nipoa que leva 35 anos detrás de moitos dos xogos de loita de máis éxito decidiu presentar un pequeno adianto do que será Street Fighter 6, así como tamén presentou a recompilación Capcom Fighting Collection.
Que estea en preparación Street Fighter 6 non é ningunha sorpresa, tras o éxito de Street Fighter V e a acumulación de máis de 47 millóns de copias de xogos da serie, e como anticipo da nova entrega só podemos ver un pequeno vídeo no que Ryu enfróntase a un novo contrincante, Luke. Deixan caer que no verán desvelarán máis detalles sobre o xogo.

Vídeo de presentación de Street Fighter 6

Deixando claro que o lanzamento de Street Fighter 6 non é inminente, quixeron anunciar Capcom Fighting Collection, unha antoloxía que recolle 10 clásicos, destacando o feito de que a serie Darkstalkers está completa, sendo a primeira vez que poden adquirirse todas as súas entregas dende fóra do Xapón.
Os xogos incluídos nesta recompilación incorporan novidades como multixogador en liña, mantendo a súa esencia xogable e os seus gráficos orixinais, polo que son un exercicio de nostalxia que farase efectivo a partir do 24 de xuño, cando chegará a PS4, Nintendo Switch, Xbox One e PC a edición dixital de Capcom Fighting Collection.
Esta antoloxía inclúe as 5 entregas de Darkstalkers, Red Earth, Hyper Street Fighter II: The Anniversary Edition, Super Puzzle Fighter II Turbo, Super Gem Fighter Mini Mix e Cyberbots: Fullmetal Madness.
Pero esta non será a única novidade que chegará para os afeccionados aos xogos de loita, senón que tamén estará dispoñible a Street Fighter 30th Anniversary Collection, que recolle os 12 títulos clásicos de Street Fighter, dos que 4 ofrecerán experiencia de xogo en liña: Street Fighter II: Hyper Fighting, Super Street Fighter II: Turbo, Street Fighter Alpha 3 e Street Fighter III: Third Strike.

Vídeo de presentación da Capcom Fighting Collection

PUBLICIDADE