Android estreará este mes un servizo de localización de dispositivos extraviados

venres, 2 de agosto do 2013 Marcus Fernández

O Android Device Manager facilitará a localización dos nosos dispositivos con Android en caso de extravío ou roubo

Coa estrea do iPhone 3GS e o iOS 3 Apple introducía nos seus dispositivos o servizo Find My iPhone, que en caso de perda facilitaba a súa localización, mentres que en dispositivos con Android existían numerosas solucións heteroxéneas que pasaron desapercibidas para a meirande parte dos usuarios, de aí que hoxe anuncien que antes de rematar o mes Google vaia ofrecer para dispositivos con Android 2.2 ou superior o servizo Android Device Manager, que entre as súas funcións te a localización dos nosos dispositivos (a través de Google Play poderemos consultar a súa situación no mapa ou forzar a que sone o seu timbre co volume ao máximo) e o borrado remoto de todo o seu contido en caso de que atopemos dificultades para recuperar o noso teléfono ou tablet.
Cando se estree o novo servizo será preciso instalar nos dispositivos que desexemos protexer a aplicación correspondente, sendo de agardar que veña incluída de xeito predeterminados nos dispositivos con Android que saian no futuro.
Para manter os nosos dispositivos seguros dende Google tamén recomendan colocar algún tipo de sistema de seguridade (PIN, contrasinal, patrón...) na pantalla de desbloqueo do móbil e non permitir a instalación de aplicacións que no proveñan de Google Play.

PUBLICIDADE