Amazon supera o billón de dólares de valor de mercado

martes, 4 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Hai algo máis dun mes Apple fixo historia ao converterse na primeira compañía norteamericana en conseguir superar o billón de dólares en valor de mercado, situación consolidada, de xeito que actualmente incluso supera os 1.100.000 millóns de dólares, pero semella que a compañía de Cupertino non vai estar soa nesa cima, pois Amazon vai seguíndolle os pasos de xeito firme, e durante a xornada de hoxe chegou a un valor de 2.050 dólares por acción, superando así o billón de dólares de valor de mercado.
Aínda que Amazon non conseguiu manter un valor de mercado superior aos 995.000 millóns de dólares, é de esperar que consiga superar o billón de dólares en varias ocasións nos vindeiros días, até consolidarse por enriba de tal barreira psicolóxica, xa que o negocio de Amazon non cesa de medrar e as súas previsións a longo prazo son moi positivas.
Cómpre salientar que Amazon non só fai negocio co seu mercado en liña, senón que tamén ten un sólido negocio de servidores na nube, cunhas marxes de beneficio moi superiores aos das vendas de produtos físicos. Precisamente a boa posición de Amazon neste tipo de servizos, nos que é un dos grandes referentes globais, é chave para que os mercados bolsistas confíen no futuro da compañía, e así experimente crecementos moi importantes en cotización.
Lembremos que a boa recepción no mercado de Amazon tamén colocou en numerosas ocasións ao seu fundador, Jeff Bezos, como o home máis rico do mundo (posto que ocupa actualmente cunha marxe de diferenza moi ampla sobre Bill Gates).

PUBLICIDADE