Apple supera o billón de dólares en valor de mercado

xoves, 2 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Esta semana Apple presentou os seus resultados trimestrais, nos que reflectía un incremento en ingresos do 17%, de xeito que o feito de perder a segunda posición como fabricante de smartphones non parecía preocupar aos accionistas, como demostrou o feito que durante a xornada de hoxe a cotización da compañía no NASDAQ medrase até conseguir un prezo por acción no contorno dos 207 dólares, de xeito que virtualmente Apple sería a primeira compañía norteamericana en conseguir un valor de mercado de 1 billón de dólares (862.000 millóns de euros), aínda que manter esa cotización non resultará doado.
A confianza do mercado en Apple é consecuencia directa dos cambios da compañía que menos poden agradar aos fanboys pero máis aos accionistas, de xeito que as caídas de vendas en ordenadores persoais resultaría irrelevante, e tería moita máis importancia que conseguisen vender teléfonos por enriba dos 1.000 euros, así como o feito de que estean a experimentar fortes incrementos de ingresos no sector dos servizos, que parece ser o obxectivo da compañía a longo prazo: aproveitar a súa base de usuarios para comercializar soporte, servizos de pagamento, música, contidos audiovisuais... e, de feito, espérase que en breve Apple estree unha plataforma de streaming de vídeo con contidos orixinais que irá moito máis aló que a aposta actual baixo o paraugas de Apple Music.

Mentres os iPad e os ordenadores teñen cada vez menos importancia como negocio para Apple, os iPhone e os servizos continúan a medrar en ingresos, de aí a confianza do mercado na empresa de Cupertino

PUBLICIDADE