Amazon estrea a súa Tienda Apps en España

xoves, 30 de agosto do 2012 Marcus Fernández

O ano pasado Amazon estreou unha tenda de aplicacións para dispositivos con Android que destacaba por contar con algúns produtos exclusivos (temporalmente) e por estar limitada xeograficamente, o que foi cambiando paulatinamente, e hoxe anuncian o seu lanzamento en Reino Unido, Alemaña, Francia, Italia e España, o que supón un grande desembarco europeo desta plataforma de aplicacións para Android que podemos instalar vía web para poder acceder ao seu catálogo e as súas ofertas, entre as que destaca a aplicación de balde do día, que hoxe é a versión sen publicidade de Angry Birds, o que supón un bo incentivo para instalar a Tienda Apps de Amazon.

A aplicación pódese instalar escaneando este código QR

Entre as vantaxes da tenda de aplicacións de Amazon están unha mellor selección de contidos (evitando a masificación de Google Play) e a posibilidade de empregar os métodos de pagamento de Amazon (de xeito que os clientes desta tenda en liña só teñen que identificarse para poder adquirir aplicacións).
A chegada da tenda de aplicacións móbiles de Amazon a varios países europeos podería ser un indicio da posible chegada dos tablets con Android da compañía ao noso territorio, onde polo momento a familia de produtos Kindle só conta cos lectores de libros electrónicos máis básicos.

PUBLICIDADE