Alumnos da USC presentan unha guía de primeiros auxilios a través do móbil e PDA

luns, 30 de xuño do 2008 Raquel Noya

A Aula de Produtos Lácteos (APL) de Lugo acolleu este venres a presentación dunha guía de primeiros auxilios para accidentes laborais de consulta a través de móbil de terceira xeración e PDA, elaborada polos alumnos do seu terceiro obradoiro de emprego da APL. O proxecto supón unha innovación no emprego da telefonía móbil para a prevención de riscos xa que é a “primeira iniciativa deste tipo que se leva a cabo en España”.
O servizo consiste nunha guía de doado manexo na que se poden atopar de xeito claro e sinxelo as accións que se deben levar a cabo para atender a feridos en accidentes laborais de calquera tipo e gravidade; xa está dispoñible en castelán a través desta ligazón e os seus creadores afirmaron que “a vindeira semana se poderá consultar tamén en galego”.
Este estudo en prevención de riscos compleméntase coa creación do portal web sobre primeiros auxilios e sobre riscos de maquinarias e instalacións comúns nas industrias agroalimentarias, así como coa elaboración dun CD interactivo no que se identifican, analizan e propoñen as medidas preventivas para o emprego desta infraestrutura.

Clausura do obradoiro
Celia Besteiro, a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e servizos mailo delegado da Consellaría de Traballo, Miguel Vázquez Calvo, asistiron á clausura deste obradoiro de emprego, que leva o nome de @PL3, no que participaron durante un ano un total de 40 persoas.
O obxectivo desta iniciativa consistía na incorporación laboral dos alumnos ao tempo que adquirían a formación e destrezas profesionais necesarias para acceder ao mercado laboral.
Os participantes reuníronse en tres liñas de traballo. Unha delas foi a elaboración desta guía de primeiros auxilios, un portal web, un CD interactivo e dous vídeos para a difusión das vantaxes do leite para a saúde humana.
Durante o ano que durou o curso, os 40 participantes recibiron formación complementaria sobre empregabilidade, técnicas de busca de emprego, formación en seguridade e saúde laboral, e módulos de igualdade de xénero, sensibilización medioambiental e alfabetización informática.

PUBLICIDADE