AllThingsD reinvéntase en Re/code

xoves, 2 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Vese que a despedida de Walt Mossberg non foi por moito tempo, e o columnista do The Wall Street Journal comeza o ano cun novo proxecto no que o acompañan os seus habituais colaboradores de AllThingsD, e que manterán a súa liña de sempre, conservando tamén os seus clásicos congresos tecnolóxicos, estando xa confirmando que entre os días 27 e 29 de maio, preto de Los Angeles, desenvolverase a primeira The Code Conference, na que xa está confirmada a presenza no escenario de persoeiros do sector como Brian Krzanich (CEO de Intel), Brian Roberts (CEO de Comcast), John Chen (CEO de BlackBerry), Mary Meeker (Kleiner Perkins Caufield & Byers), Sergey Brin (co fundador de Google), Steve Mollenkopf (Qualcomm) e Travis Kalanick (CEO de Uber), que responderán ás preguntas de Walt Mossberg e Kara Swisher. Tamén prevén celebrar outro evento en setembro na cidade de New York.
O proxecto que ampara este tipo de encontros é Re/code, unha nova páxina web de novas e análises de reputados xornalistas especializados en tecnoloxía e medios de comunicación, que viaxan agora pola Rede de xeito independente, en vez de chegar ao público baixo o paraugas do The Wall Street Journal, xa que a empresa detrás desta iniciativa é a independente Revere Digital LLC, que conta con apoio de NBCUniversal News Group e de Terry Semel (Windsor Media) e, de feito, anúnciase como unha páxina web asociada a CNBC.
A xeito de regreso de Walt Mossberg podemos ler en Re/code un amplo artigo no que, este entusiasta dos produtos de Apple, quere insistir en que o hardware, o software e os servizos tecnolóxicos non son obxectos relixiosos, deixando claro que non debemos ver ás empresas do sector como cultos ou fes, xa que son compañías que só buscan beneficios, centrando esta interesante crítica en Apple e no feito de que moitos están a ver as súas tendas como templos de peregrinación.

PUBLICIDADE