Walt Mossberg despídese do WSJ cunha escolma de produtos tecnolóxicos

mércores, 18 de decembro do 2013 Marcus Fernández

O rostro máis coñecido do xornalismo tecnolóxico é sen dúbida Walt Mossberg, columnista do The Wall Street Journal que, tras 22 anos analizando produtos de electrónica de consumo para tal publicación abandona tal medio cun interesante artigo no que recolle o que considera que é a ducia de produtos tecnolóxicos máis destacables das últimas dúas décadas, deixando clara na súa selección a predilección que Mossberg ten por Apple.
O primeiro produto que destaca o influínte xornalista é o Newton MessagePad que Apple lanzou en 1993 e que foi considerado como un rotundo fracaso, pero sentou as bases do que bastantes anos despois sería o iPad en 2010, produto que quedou nunha duodécima posición desta recompilación, de xeito que a compañía da mazá sería a que inicia e remata esta recompilación na que case ocupa a metade das posicións, xa que Mossberg tamén destaca o iPod (2001), o iPhone (2007) e o MacBook Air (2008).
De feito, agás a Palm Pilot (1997), os únicos produtos de hardware destacados son de Apple, entrando o resto de elementos da listaxe na categoría do software, como o revolucionario navegador de Netscape (1994), que foi precisamente o que fixo que en España chamásemos navegar a explorar a web; Windows 95 tamén tería o seu lugar por consolidar a informática baseada en interface gráfica e o rato como método de interacción; o buscador Google tamén destacou dende o primeiro momento por recoller uns resultados moito máis precisos que os dos seus competidores (os que barreu do mercado a grande velocidade); Facebook e Twitter tamén son plataformas sociais destacadas polo columnista; e, para rematar a escolma, tivo a ben destacar o sistema operativo Android, por ser o que domina o sector móbil na actualidade (por ser capaz de ofrecer unha experiencia completa en dispositivos que non teñen os elevados prezos propios de Apple).
Walt Mossberg remata a súa columna de hoxe asegurando que non se retira, senón que deixa o seu espazo a outros no The Wall Street Journal, continuando a publicar as súas análises nun novo espazo web (que non concreta).

PUBLICIDADE