Advirten de fallos nas tarxetas gráficas de Diamond con chip ATI

mércores, 24 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

Segundo contan Tgdaily e The Inquirer, cómpre ter moito tento coas tarxetas gráficas con chip ATI Radeon HD 3800 e procedentes da casa Diamond Multimedia, con sede nos Estados Unidos. Ao parecer, arredor de 15.000 e 20.000 unidades deste produto en cuestión teñen graves problemas de ensamblaxe, feito do que o propio semella que foi consciente, e malia todo permitiu que os aparellos estivesen na súa web a disposición dos internautas.
Tdaily, en concreto, sinala que os defectos abranguen a todas as HD 3850 con 512 MB postas á venda entre xaneiro e xullo deste ano, un bo feixe de HD 3870 e algunha que outra da serie X2.
Máis polo miúdo, a avaría vén dende moitas frontes. Por unha banda, consiste en fallo na xestión da electricidade e na memoria, e pola outra en certas incorreccións na soldadura. Por certo que non se están facendo agardar as denuncias. Por exemplo a de Alienware, que xa procedeu a devolver a Diamond 2.600 dispositivos tas localizar problemas en 8 de cada cen da serie 3850.

PUBLICIDADE