Adobe presenta a súa Creative Suite 4

martes, 23 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Adobe renovou a súa oferta de aplicacións informáticas tras 17 meses, polo que en outubro chegarán os produtos amparados baixo o selo Creative Suite 4, o que afectará a programas tan coñecidos coma o Photoshop, o Flash ou o Dreamweaver.
A nova revisión destas aplicacións busca especialmente conseguir unha aparencia o máis uniforme posible, o que facilita a aprendizaxe e uso das mesmas. Tamén se potencia a integración entre os programas (permitindo, p.ex., levar contidos de Photoshop a Flash e viceversa).
Unha das novidades anunciadas que resultou máis rechamante foi que o Photoshop CS4 aproveitará o procesador gráfico do noso ordenador por primeira vez, para funcións coma o zoom ou a transformación de capas, facendo que estas operacións sexan moito máis fluídas. Tamén incorpora soporte de 64 bits na súa versión para Windows, de xeito que será posible procesar imaxes que ocupen máis de 4 Gb sen compresión.
Flash CS4, pola súa banda, conta cun modelo de animación renovado (axilizando o seu uso); Dreamweaver CS4 mellora a codificación de follas de estilo CSS; InDesign CS4 inclúe unha nova ferramenta para detectar erros de produción; e así poderiamos citar moitas das novidades dos programas de Adobe que se poderán adquirir de xeito independente ou en distintos paquetes deseñados para o seu uso por distinto tipo de profesionais.

PUBLICIDADE