Adobe estrea un reprodutor multimedia que serve coma canle de distribución de contidos

mércores, 9 de abril do 2008 Marcus Fernández

Un clásico episodio de Star Trek visto no Adobe Media Player 1.0

Adobe Systems anunciou hoxe o seu reprodutor multimedia baseado en Adobe AIR, que permite reproducir vídeos baseados en Flash en ordenadores Mac e PC. Deste xeito, os usuarios que queiran descargar vídeos de servizos coma YouTube os poderán ver de xeito doado nos seus equipos, pero o Adobe Media Player tamén incorpora unha guía de canles que inclúe contidos descargables de distintas empresas colaboradoras (CBS, PBS, MTV Networks, Universal Music Group, CondéNet e Scripps Networks) de xeito que permite o acceso tanto a programas de Internet como a series de televisión entre as que se atopan dende a clásica Star Trek ata as distintas entregas de CSI.
O reprodutor permite acceder aos devanditos contidos ao momento (grazas á carga progresiva) ou de programas descargados previamente, e soporta resolucións de 1.080p, 720p e 480i. Ao estar baseado en AIR, a aplicación funciona tanto con conexión á Rede coma fóra de liña e, aínda que a plataforma soporta control DRM, parece que as series distribuídas a través deste sistema non teñen limitación xeográfica, de xeito que se poden ver dende España sen problemas.
Esta aplicación supón a primeira achega de Adobe á distribución de vídeo a través da Rede, e no futuro poderían engadir ao seu reprodutor outros formatos de vídeo distintos aos soportados pola tecnoloxía Flash. Ademais, esta ferramenta podería chegar a converterse nunha vantaxe estratéxica para Adobe, pois ten un potencial semellante ao de iTunes, de xeito que no futuro sería unha canle máis para ofrecer contidos de vídeo en compra ou aluguer.

PUBLICIDADE