Adiantan as características técnicas da Nintendo 3DS

mércores, 22 de setembro do 2010 Marcus Fernández

Tras o anuncio da futura consola portátil Nintendo 3DS todas as miradas atendían ás súa revolucionaria pantalla que permitía unha visión estereoscópica sen utilizar lentes especiais grazas a unha tecnoloxía baseada no concepto de barreira de paralaxe, pero pouco sabiamos do que achegaría o produto por dentro, e dende IGN están a dar detalles a este respecto.
A Nintendo 3DS funcionaría con 2 procesadores ARM11 a 266 MHz, unha gráfica PICA200 de DMP a 133 MHz con 4 Mbytes de memoria dedicada, 64 Mbytes de RAM e 1,5 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas SD), no que parece unha aposta pola contención para permitir que o produto poida ter un prezo alcanzable para un público masivo.
De todos os xeitos, ao contar a consola cunha pantalla cunha resolución de 400 x 240 píxeles para cada ollo, non precisaría de moita potencia para correr xogos deseñados para as actuais consolas de alta definición, e mesmo queda bastante por debaixo de numerosos smartphones actuais, que ao soportar resolucións de pantalla máis elevadas tamén precisan dun maior músculo para mover xogos con gráficos 3D (aínda que non sexan estereoscópicos).
Se miramos a consola con certa perspectiva podemos ver que, aínda que poida decepcionar que non teña un hardware máis potente, supón un importante salto fronte ás súas predecesoras, xa que a Nintendo DS orixinal contaba cun par de procesadores ARM a 67 e 33 MHz respectivamente 4 Mb de RAM, mentres que a Nintendo DSi ten un procesador ARM9 a 133 MHz e outro ARM7, 16 Mbytes de RAM e 256 Mbytes de almacenamento interno, polo que o salto á Nintendo 3DS é máis que considerable.

PUBLICIDADE