Adían The Wolf Among Us 2 a 2024

xoves, 2 de marzo do 2023 Marcus Fernández

Aínda que Telltale Games botase o peche en 2018 por mor das baixas vendas dos seus xogos (provocada probablemente pola sobreexplotación do seu formato), ao ano seguinte o estudio conseguiu renacer das súas cinzas, cun novo equipo de dirección e novo editor, estando actualmente a traballar na secuela dun dos seus meirandes éxitos, The Wolf Among Us, así como unha nova serie de xogos baseada na serie de novelas (adaptadas a televisión) The Expanse.
Aínda que The Wolf Among Us 2 estaba previsto que chegase a PC e consolas o longo de 2023, nunha entrevista para IGN, o máximo responsable de Telltale Games, Jamie Ottilie, anunciou que finalmente o xogo non verá a luz este ano. Os motivos están máis que xustificados, xa que por unha banda decidiron mudar o motor gráfico de Unreal Engine 4 a Unreal Engine 5 (o que precisa de certo tempo de adaptación) e tamén supón a confirmación dunha nova política da empresa de cara aos seus traballadores, evitando a explotación laboral tan habitual na industria, na que obrigan a xornadas de traballo excesivas para poder cumprir con prazos de entrega pouco realistas, e que en moitas ocasións rematan en xogos cheos de erros que logo tardan meses en corrixirse, evidenciando que un desenvolvemento máis pausado é imprescindible para manter a calidade.
Ottilie recoñece que só había dous xeitos de cumprir cos prazos de entrega anunciados (ou lanzar o xogo sen rematar ou explotar aos traballadores) e prefire adiar o lanzamento, xa que a compañía xógase moito con este título, xa que, ao ter a moitos xogadores agardando por el, se finalmente decepciona podería lastrar aos seguintes lanzamentos da compañía.
The Wolf Among Us 2 será un xogo episódico, como vén a ser marca da casa, pero a diferencia de traballos anteriores, desta volta agardarán a ter o todas as entregas completadas antes do lanzar a primeira, de xeito que poderán así garantir certa calidade e non deixarían marxe aos imprevistos. Queda agora agardar a 2024 para ver se este xogo acada o nivel perseguido, para que a nova Telltale Games poida recuperar con orgullo o prestixio que tiña a súa marca nos seus primeiros tempos.

PUBLICIDADE