Adaptan o Opera Mini 4 Beta ó Helio Ocean

xoves, 13 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Nestas datas parece que tódolos hackers do mundo están a traballar na liberación do iPhone, pero o certo é que hai moita vida máis alá do móbil de Apple, e mesmo outros terminais coma o Helio Ocean captan a atención dos desenvolvedores. E non é de sorprender, xa que tal móbil 3G ten dous teclados deslizantes (un numérico e outro QWERTY), multimedia, mensaxería instantánea, cámara dixital e GPS, permitindo tanto o acceso a vídeos de YouTube como o xeoposicionamento baseado en Google Maps, pero para os seus usuarios tiña un importante defecto: o seu navegador web non é moi bo.
Precisamente para evitar tal atranco conseguiron adaptar extraoficialmente o navegador Opera Mini 4 para este móbil, de xeito que pode ver webs en formato panorámico e mesmo soporta o uso do teclado QWERTY (característica que non soporta o navegador de Opera para a meirande parte de terminais). Unha boa nova para os propietarios deste móbil que podería comercializarse en Europa nos vindeiros meses, e que achega un xeito distinto de comunicarse, levando moitos servizos da Internet no peto.

PUBLICIDADE