Aberto o prazo de inscrición para participar na Conferencia Final do E-Hospital

luns, 23 de xuño do 2008 Raquel Noya

Os responsables do Proxecto Europeo E-Hospital, unha iniciativa coordinada pola institución austríaca Die Berater en colaboración coa USC e o CESGA que ten como principal obxectivo ofrecer formación a diferentes grupos de doentes hospitalizados de longa duración en hospitais de seis países europeos, veñen de anunciar a data e o lugar da celebración da súa Conferencia Final, na que se darán a coñecer os resultados e as potencialidades deste tipo de formación en hospitais.
O acto terá lugar o vindeiro día 19 de setembro de 2008 na cidade austríaca de Krems, onde se levarán a cabo unha serie de actividades baixo tres ópticas principais:
-Conferencias de expertos nos campos do e-learning, a saúde e a aprendizaxe permanente.
-Presentación das experiencias e os resultados do proxecto E-Hospital así como dos socios do mesmo.
-Sesións interactivas de Boas Prácticas orientadas ao intercambio de experiencias en profundidade e o debate. Estas sesións tratarán, entre outras cousas, os aspectos tecnolóxicos, coa análise das tecnoloxías de aprendizaxe electrónica para a educación do doente.
Esta conferencia final do proxecto E-Hospital está dirixida a profesionais da educación de adultos e do e-learning, a investigadores destas materiais, ao persoal dos hospitais e a autoridades e a outros axentes do sistema de saúde (autoridades e órganos reguladores, asociacións de pacientes, ONGs,...) así como a axentes europeos que participen en proxectos relacionados coa educación a distancia e a saúde.
A inscrición para participar neste evento é de balde e pode facerse dende a páxina web oficial do mesmo ata o vindeiro día 10 de setembro de 2008.

PUBLICIDADE