AOL pecha o desenvolvemento do seu navegador Netscape

mércores, 2 de xaneiro do 2008 Marcus Fernández

Nos comezos da web como a coñecemos o navegador web estrela era sen dúbida o Netscape Navigator, o que levou a AOL a mercar a empresa que o desenvolvía en 1999, pero o tempo non tratou ben a esta aplicación informática que se veu eclipsada polo Internet Explorer de Microsoft ata converterse nun navegador marxinal que deixará de contar con soporte dende o vindeiro 1 de febreiro, no que será a morte de Netscape coma navegador (manténdose coma portal de Internet).
Dende AOL recomendan ós usuarios de Netscape que empreguen o navegador Mozilla Firefox (que mesmo se pode personalizar para ter unha aparencia semellante á de Netscape), aplicación que, por outra banda, nace en boa medida da liberación do código fonte do navegador de Netscape á Fundación Mozilla.

PUBLICIDADE