AGESTIC pon en marcha un proxecto de contratación de 9 técnicos en empresas tecnolóxicas galegas

xoves, 26 de marzo do 2009 Raquel Noya

Por segundo ano consecutivo, o IGAPE, vén de outorgarlle a súa confianza a AGESTIC, en relación ao proxecto de Cualificación Profesional denominado Técnicos en Desenvolvemento de Produtos, que a devandita entidade promove.
O proxecto conta cunha subvención de 113.850 euros para a contratación de nove técnicos por parte doutras tantas empresas de Tecnoloxías de Información e Comunicación (TIC), os cales deberán deseñar novos produtos informáticos para afrontar a crise en empresas de Lugo, Vigo Ourense e Santiago de Compostela.
Os nove profesionais (que están titulados en Enxeñaría Técnica Informática ou segundo ciclo de FP) traballarán nas empresas solicitantes que están situadas en Lugo, Vigo, Ourense, Santiago e Poio, cun contrato dun ano, ao tempo que recibirán un curso en liña para aprender a desenvolver tarefas especializadas na creación de novos produtos e aplicacións tecnolóxicas para abrir novos mercados.
AGESTIC formuloulle este proxecto ao IGAPE por pedimento dun conxunto de empresas que demandaban persoal técnico cualificado, non só en programación informática senón tamén en mercadotecnia e promoción, como unha medida, segundo afirman, “ para afrontar as dificultades da crise económica e contar con persoal competente para chegar con novos produtos tecnolóxicos aos mercados”,especialmente”, proseguen, “a aqueles onde as pequenas e medianas empresas teñen máis necesidades de aplicacións de xestión que melloren a súa competitividade”.

PUBLICIDADE