ADNStream e Sincroniza presenta o seu TV-PC

xoves, 10 de xullo do 2008 Marcus Fernández

Levar o ordenador ao salón doméstico é algo que nun principio parecía restrinxido a expertos en informática e afeccionados a contidos descargados da Internet, pero ADNStream e Sincroniza queren convertelo en algo non só habitual, senón tamén doado, presentando un televisor que incorpora no seu interior un ordenador, e que se coñecerá coma TV-PC (aínda que polo momento só é un prototipo).
Deste xeito, webs de vídeo coma ADNStream.tv poderían verse comodamente dende o sofá, de xeito que o vídeo por Internet daría un salto cualitativo imporante, facilitándose o seu consumo, aínda que agora o reto sería a comercialización destes novos televisores.

ADNStream achega ao iPhone clips coma un vídeo musical do grupo galego The Homens

O TV-PC desenvolvido por Sincroniza funcionaría tanto baixo Windows coma baixo Linux, e podería permitir ver a televisión, reproducir unha película descargada no seu disco duro, acceder a vídeos en liña, ver páxinas web ou consultar o correo electrónico dende un único dispositivo.
Pero ADNStream non está a traballar só en achegarse a este novo televisor, senón que tamén quere que os seus contidos se poidan ver noutras plataformas, de aí que traballen en levar os seus vídeos a consolas de videoxogos con acceso á Rede (como a PlayStation 3) e incluso teñen unha interface que se pode consultar dende o iPhone ou o iPod Touch, diversificando as pantallas nas que está presente esta plataforma que pretende así fornecer o seu futuro.


Presentación de ADNStream

PUBLICIDADE