ABANCA acada un aumento do 14,4% en clientes dixitais activos
xoves, 27 de xullo do 2017
ABANCA
vén de presentar as cifras relativas á súa actividade no primeiro
semestre de ano. Entre o máis destacado figura o seguinte: a
entidade foi quen de pechar período cun resultado neto de 229,1
millóns de euros, o que significa unha suba do 23,1% respecto ao
mesmo semestre de 2016. Ademais, complementando o acostumado baile de
números e fitos figuran novamente informacións relativas á andaina
TIC da entidade financeira galega. Segundo se fai saber no informe,
no primeiro treito de 2016 constatouse a boa marcha da aplicación
móbil de ABANCA, en termos da compañía “unha das mellor
valoradas polos usuarios”.
Asemade, a dixitalización “camiña” a bo ritmo
e consolídase como “un dos eidos nos que o banco está a ser máis
activo”. En termos concretos, o proceso de dixitalización avanzou
cun aumento do 27,1% en transaccións realizadas e do 14,4% no número
de clientes dixitais activos.
Ademais, no primeiro semestre a entidade incorporou
unha novidade funcional que permite aos seus clientes empresas
realizar a firma de operacións desde teléfono móbil, e
converteuse, nas súas palabras, “na primeira entidade española en
facer posíbel o envío de diñeiro de móbil a caixeiro mediante
comandos de voz”. Isto,
como lembraremos, é unha realidade dende o mes de xuño grazas á
incorporación ao servizo ABANCA Cash do asistente Siri de Apple.
Ao abeiro da súa estratexia de innovación
desenvolvida no devandito período de tempo, a entidade lembra a
posta en marcha do seu programa de fomento do talento tecnolóxico
ABANCA Innova, que xa seleccionou as primeiras novas firmas
innovadoras ás que apoiará para trasladar os seus proxectos ao
mercado financeiro.