A web de Turgalicia recibiu no primeiro trimestre de 2012 un total de 550.747 visitas

luns, 9 de abril do 2012 Redacción

A páxina web de Turgalicia, recentemente reforzada cun localizador de recursos mariñeiros e complementada cun blog 2.0 para usuarios das redes sociais, foi obxecto os días pasados dun pormenorizado reconto de visitas. Segundo se nos fai saber, o sitio oficial de Turismo de Galicia incrementou o seu seguimento en liña nun 13,92% no primeiro trimestre de 2012, en comparación co mesmo período do ano anterior.
Deste xeito, infórmase dende Turgalicia, a web recibiu os tres primeiros meses de 2012 un total de 550.747 visitas, fronte ás 483.448 do primeiro trimestre do ano anterior.
No que atinxe ao número de páxinas vistas, entre xaneiro e marzo de 2012 foron vistas 3.133.769 páxinas da devandita web, fronte aos 2.947.438 dos tres primeiros meses de 2011.
O reconto xeral tamén abrangue unha análise da resposta dos internautas fronte ao Contact Center Social Media do Turismo de Galicia, servizo adscrito a Turgalicia centrado na promoción da oferta galega nas redes sociais. Este servizo, infórmase, “desenvolveu un total de 2.857 accións, o que supuxo unha media 68 accións diarias, 11 diarias por cada un dos 6 axentes deste servizo”.
Respecto á conta de Facebook que mantén o organismo galego, dicir que arestora conta con máis de 11.000 seareiros, dando acubillo en Twitter a con preto de 2.000. Turgalicia tamén ten unha canle propia en YouTube, con vídeos que se reproduciron máis de 81.000 veces e un espazo de seu no Flickr con 200 fotografías turísticas de Galicia que foron vistas máis de 4.500 veces.

PUBLICIDADE