Turgalicia estrea blog para mellorar a súa presenza na web social

venres, 22 de xullo do 2011 Redacción

A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo publicou hoxe na Internet un blog co obxectivo de ampliar a súa presenza na web 2.0 para resolver de xeito máis eficaz as demandas de información e comunicación sobre o turismo de Galicia na Rede.
Trátase de optimizar a relación cos usuarios da Internet de xeito que estes poidan obter a mellor comunicación institucional sobre os produtos e os servizos turísticos de Galicia, complementando a información que xa figura na web de Turgalicia.
No novo blog, a Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia creou varias categorías nas que se inclúen artigos e imaxes dos recursos e produtos turísticos máis salientables de Galicia, nos idiomas galegos, castelán e inglés.
O novo servizo de comunicación virtual do Turismo de Galicia estrutúrase en, principio, en oito categorías relacionadas co Turismo de Saúde, os espazos naturais, as festas de interese turístico, os museos, as praias, as rutas do viño e o sendeirismo.
O blog de Turgalicia permite tamén a subscrición vía RSS, inclúe unha nube de etiquetas e recomenda outros sitios web relacionados co Turismo galego.
A través do blog do Turismo de Galicia, os internautas poden deixar os seus comentarios sobre os artigos e as fotografías ou para demandar información máis concreta sobre todo o publicado.

PUBLICIDADE