A web cetareaburela.com pon o marisco galego en máis de 2.000 fogares

xoves, 17 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Peixes e mariscos poden buscarse na Rede tanto como calquera outro produto, ou se cadra en maior medida, grazas sobre todo ao moito que se ten avanzado en calidade e inmediatez da oferta e na axilidade da distribución e do transporte. Así o entenden os responsables dun (relativamente) novo servizo galego encamiñado a traernos ao fogar, vía Internet, todo tipo de produtos dun amplo abano de lonxas: Burela, O Grove, Santa Uxía de Ribeira, Combarro, etc. Estamos a falar da plataforma cetareaburela.com, unha achega que se une á longa listaxe de propostas galegas para a venda na Rede de peixes e mariscos das que temos falado en Código Cero. Por exemplo as plataformas eMarisco o Linamar, esta última recoñecida a nivel estatal no eido das novas empresas.
Volvendo ao servizo en liña que nos ocupa, sinalar que a clave de cetareaburela.com, informan os responsables desta páxina, radica na rapidez do subministro (apenas 24 horas) e no prezo, que “está ao alcance de tódolos petos”. Para facérmonos unha idea, un quilo de percebes (que en calquera local hostaleiro valería entre 150 e 200 euros), viría a través de cetareaburela.com a un custe de apenas 35 euros, sinalan os promotores da iniciativa. “A idea”, engaden, “era cinguir nun único servizo a calidade indiscutible dos nosos produtos, a tradición nos xeitos de traballar co marisco e as novas tecnoloxías dispoñibles en Internet”. Estes e outros factores postos en xogo fixeron posible, entre outros logros, que a páxina web teña xa unha carteira de dous milleiros de clientes e, ao longo do ano pasado, 112.000 usuarios únicos, “un 32% máis ca no anterior”. Á súa disposición, teñen todo tipo de produtos (nécora, camarón, santiaguiño, boi de mar, navalla, ameixa, percebes, cigala, langosta, centola) a só un click de distancia. Con todo, e como de costume, a páxina tamén ten as súas carencias, como por exemplo o feito de que non haxa versión en galego da mesma (cos nomes naturais dos produtos en galego, no canto de “buey” ou “centollos”), cousa que chama aínda máis atención se temos en conta que os galegos seguimos a ser moi bos consumidores do noso.
Polo demais, unha boa maneira de facer as cousas e tirarlles o máximo rendemento á Internet e ás súas ferramentas.

PUBLICIDADE