Unha firma galega con forte presenza na Rede, finalista no Premio Nacional Joven Empresario

mércores, 15 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Segundo apunta a organización do Premio Nacional Joven Empresario, hai presenza galega entre os finalistas (un total de once) da edición 2008 do certame, a XI Concretamente a de Linamar, firma de recente creación que desenvolve o seu labor na distribución de mariscos nos mercados nacional e internacional. A empresa, que ten a súa sede primeira en Cambados, salienta no novo panorama corporativo español por unha razón principal: ter ligado unha actividade de tipo tradicional como a venda de marisco a conceptos de valor como o emprego intensivo das redes dixitais para esa tarefa (sobre todo a través da súa páxina web, dende a que se comunica con clientes, socios e provedores) e o uso a todos os niveis da lingua galega, que combinan nas súas tarefas comunicativas co inglés, o castelán, o francés, o alemán ou o italiano.
Por certo que organizadores do devandito premio (que non son outros que os membros da Confederación Española de Asociacións de Jóvenes Empresarios), valoraron especialmente dous factores á hora de situar á firma galega entre as finalistas: o servizo e calidade para a obtención dunha clientela fiel, o seu firme proceso evolutivo (pasou de ser en pouco tempo unha empresa comercializadora en liña a adquirir instalacións propias para poder asumir todo o proceso produtivo do grupo) e o espírito emprendedor da responsable da compañía, Adelina María Solla, “nun sector de natureza marcadamente masculina”, subliñan os responsables do certame.
Linamar terá que competir con outros dez finalistas para a obtención do premio, moitos deles ligados de xeito estreito á innovación e ao dixital: Grupo Empresarial Obralia, IriTec, Intercom Telemática Girona, Laboratorios Q Pharma, Diferent Travel, Grupo Amiab, Almeida Viajes, Alaves, Montajes e Realización e Grupo Enfoca.
O gañador darase a coñecer o vindeiro 6 de novembro nunha gala que se celebrará na Cidade da Luz, en Alacant.

PUBLICIDADE