A vindeira semana ponse á venda Age of Conan: The Hyborian Adventures

venres, 16 de maio do 2008 Marcus Fernández

Os afeccionados ao universo de espada e bruxería creado por Robert E. Howard para Conan estarán contentos de coñecer que o vindeiro día 23 chegará ás tendas o xogo multixogador en liña para PC Age of Conan: The Hyborian Adventures, que no seu prezo (49,95 euros) inclúe 1 mes de acceso ao mundo virtual cheo de deuses crueis, criaturas míticas e civilizacións perdidas no que Conan chegou a converterse en rei.
Agora, os usuarios poderán entrar neste peculiar universo que nunca foi tratado así no mundo dos videoxogos (ata o momento os xogos baseados en Conan eran de acción).

Presentación do xogo en Oslo

Nesta nova aventura haberá que seguir os pasos do heroe de fantasía e enfrontarse a múltiples perigos por máis de 30 rexións diferentes. Tamén conta cun motor de combate desenvolvido por Funcom que permite a loita corpo a corpo de múltiples puntos, e incluso teremos a posibilidade de loitar a cabalo ou participar en asedios masivos.
Os gráficos e o son deste novo xogo teñen unha grande espectacularidade, e o interese polo título é innegable, pois na súa etapa de proba houbo máis dun millón de solicitudes de participación, rexistrándose máis de 5 millóns de visitantes únicos na web sobre o xogo dende o pasado mes de xaneiro.
Os responsables do xogo pretenden chegar ao 10% do mercado total do xogo masivo en liña máis popular ata o momento, World of Warcraft, para o que apostan polo seu sistema de combate e a capacidade gráfica, para o que tamén será preciso contar cun PC potente para poder gozar dos detalles que poboan o xogo do que podemos coñecer máis detalles no blog VidaExtra, no que detalla a presentación exclusiva que tivo lugar en Oslo.


Vídeo no que se describen distintos detalles do xogo

PUBLICIDADE