A versión 2.05 de Ágata, a disposición dos artesáns galegos

venres, 17 de abril do 2009 Raquel Noya

A Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, dependente da Consellaría de Innovación e Industria, vén de adquirir 300 unidades dunha actualización do programa de xestión Ágata (a versión 2.05 que é compatible co Windows Vista e cos Mac) para repartilos de balde entre os obradoiros artesáns que o soliciten.
Esta aplicación, que o devandito organismo público xa puxera anteriormente a disposición dos obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral da Artesanía de Galicia, está totalmente traducida á nosa língua e permite xestionar, entre outras cousas, datos dos produtos, dos clientes, dos provedores, ou dos gastos deste tipo de empresas, de xeito doado e personalizado.
A Fundación vai comezar a distribuir esta nova versión entre os obradoiros artesáns que o soliciten a partir do vindeiro luns 27 de abril e os interesados en obtela deberán enviar unha solicitude a través do correo electrónico, indicando os seus datos persoais e a información de contacto do obradoiro.
En poucos días, os usuarios recibirán un CD que inclúe a nova versión do programa de xestión Ágata así como un manual de usuario en formato PDF.
Asemade, os responsables da iniciativa veñen de activar un teléfono de contacto no que os usuarios poderán activar a instalación do seu programa dende o propio obradoiro.
Por outra banda, aqueles obradoiros artesáns que xa estean a traballa coa versión anterior de Ágata, a 2.03, non precisan solicitar unha nova versión de momento, xa que non contén outras melloras significativas que non sexa a adaptación da aplicación aos sistemas operativos mencionados anteriormente.

PUBLICIDADE