A tenda en liña española de ZTE inaugurarase con descontos

luns, 29 de setembro do 2014 Marcus Fernández

O ano pasado ZTE fixo unha tímida aposta polo comercio electrónico en España, abrindo unha tenda en liña a través de eBay que resultou unha completa decepción pola súa reducida oferta de terminais, de xeito que os últimos dispositivos da marca continuaban a quedar fóra do alcance do público español sen ter que optar pola importación. Pero a compañía chinesa continúa a querer mellorar a súa presenza en España, e hoxe anuncian que o vindeiro día 1 abrirán unha tenda en liña de seu, e para celebrar a inauguración durante tal día non cobrar gastos de envío e realizarán un desconto equivalente ao IVE, o que parece unha excelente oportunidade para facerse cun smartphone a un prezo axustado.

O ZTE Blade Vec 4G é un dos terminais máis atractivos que actualmente vende ZTE en España

Lembremos que ZTE xa ten no mercado dispositivos bastante económicos, como o ZTE Blade G Lux, que até hai pouco podía atoparse nas tendas a un prezo de 99 euros, achegando un smartphone Android 4.4 con pantalla de 4,5 polgadas cunha resolución de 854 x 480 píxeles, procesador de dobre núcleo a 1,3 GHz, 4 Gb de almacenamento interno, cámaras de 8 e 2 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0 e batería de 1.850 mAh.
Máis completos serían terminais como o ZTE Blade Vec 4G, que é un smartphone LTE cun procesador de catro núcleos de Qualcomm, pantalla IPS de 5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, 1 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno, cámaras de 8 e 1 Mpíxeles, Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, batería de 2.300 mAh, un grosor de 7,8 milímetros e un peso de 131,8 gramos, que parece atender bastante ben ás demandas actuais.

PUBLICIDADE