A sucesora da Nintendo Switch podería chegar en 2024

luns, 31 de xullo do 2023 Marcus Fernández

As limitacións técnicas da Nintendo Switch, pese ao seu rotundo éxito, fixo que levemos moito tempo con rumores sobre a súa sucesora, e fontes próximas ao seu desenvolvemento aseguran que a nova consola chegará na segunda metade de 2024, o que garantiría que a nova máquina tivese existencias dabondo para non padecer os problemas de desabastecemento que tiveron as últimas PlayStation e Xbox.
Entre as informacións que se comentan sobre a nova consola está que, de lanzamento, a consola chegaría cunha pantalla LCD en vez de OLED, para así poder axustar prezos. Tamén mantería a posibilidade de cargarlle xogos en cartucho, aínda que polo momento non poden concretar se as consolas serán retrocompatibles.
Cómpre salientar que a Nintendo Switch xa leva máis de 6 anos no mercado, e xa prevén que este ano caian de xeito importante as vendas de consolas, polo que había voces que apuntaban a que a nova Switch podería chegar ao mercado este mesmo ano (de cara á campaña de Nadal), pero ten sentido que a posible Switch 2 non chegue ao mercado até o ano que vén, xa que para os vindeiros meses xa hai bastantes lanzamentos previstos para Switch, consola que non parece querer perder o punto até o último momento.

PUBLICIDADE