A revista EGM podería seguir a PC Magazine no seu abandono do papel

venres, 21 de novembro do 2008 Marcus Fernández

A editorial Ziff Davis non só deixará de editar a revista PC Magazine no mes de xaneiro, senón que agora tamén anuncia que para o ano que vén podería deixar de editar en papel a coñecida publicación de videoxogos Electronic Gaming Monthly (EGM), xusto cando a cabeceira vai cumprir 20 anos.
Janson Young, executivo da editorial, recoñece que «a viabilidade para nós de continuar editando en papel xa non está aí», polo que é de agardar que outras publicacións teñan a mesma sorte que PC Magazine e pasen a editarse só en formato electrónico.
Ziff Davis xa tivo que cesar a publicación de numerosas revistas de videoxogos nos últimos anos, de xeito que EGM sería algo así coma o bastión deste tipo de revistas no mercado norteamericano.
Resulta curioso que as publicacións impresas sobre videoxogos estean en decadencia nos EE.UU. cando en España está a incrementar a súa competencia, pois nos últimos anos non só se mantiveron clásicos coma Hobby Consolas, senón que se editaron revistas oficiais das distintas plataformas e se estrearon cabeceiras como a británica EDGE e a de recente creación Marca Player, aínda que esta situación podería ter algo que ver coa penetración da Internet (que non é tan elevada coma nos gustaría).

PUBLICIDADE