A relación entre os museos e as TIC centra un foro na Cidade da Cultura

mércores, 7 de novembro do 2012 Redacción

Esta mañá principiou no Centro de Innovación da Cidade da Cultura de Galicia o II Foro Internacional de Espazos para a Cultura que co lema A Araña na Rede pretende abordar ata o venres a relación entre os museos e as novas tecnoloxías, para o que contarán cos presenza de destacados profesionais independentes e de centros internacionais e nacionais como a Tate Modern, The British Museum e o Museo Thyssen-Bornemisza. Neste encontro analizarán as estratexias postas en marcha por distintas institucións para achegar a oferta artística e cultural a un maior número de xente, convertendo aos museos en motores da oferta cultural que poida contribuír á reactivación do sector turístico, podendo seguirse estas reflexións en directo a través de streaming.

Xesús Vázquez Abad foi o encargado de inaugurar o encontro

O encargado de inaugurar estas xornadas foi o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Xesús Vázquez Abad, quen asegurou que “os conceptos de rede social, gadget, tableta, dispositivo móbil, realidade aumentada ou app estanse a integrar rapidamente no vocabulario profesional de museólogos e xestores culturais e do patrimonio” e engadiu que o foro debería servir para a adquisición “dun coñecemento suficiente para tirar proveito eficaz das Tecnoloxías da Información e a Comunicación nos nosos museos”.

Anxo Lorenzo encargouse de presentar a Jasper Visser

Tras a sesión de apertura, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, foi o encargado de presentar a Jasper Visser, fundador de The Museum of the Future, da axencia de implementacións dixitais Inspired by Coffee e profesional reputado que leva anos prestando asesoramento, ou desenvolvendo estratexias dixitais, para importantes institucións culturais; e sobre quen recaeu a responsabilidade de pronunciar a conferencia inaugural. Visser profundou na necesidade de establecer relacións máis estables entre as institucións culturais e o seu público a través das novas tecnoloxías para seguir sendo relevantes na era dixital. Na súa conferencia, Jasper Visser levou ao auditorio polos moitos desafíos e oportunidades que se ofrecen ás institucións culturais: desde as redes sociais a un futuro dixilóxico.

O Foro pode seguirse a través de streaming

PUBLICIDADE