A relación empresa-eAdministración, a debate a partir deste martes nas xornadas do CPEIG

luns, 2 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

O afianzamento das novas tecnoloxías a tódolos niveis da nosa vida diaria está a mudar para sempre, entre outras cousas, o noso xeito de relacionarnos coas entidades públicas. Deste xeito, tratándose dun fenómeno novo e que nos colle tan de preto, cómpre que nos deteñamos para avalialo polo miúdo, ollando en fite cara a onde chegamos e cara a onde chegaremos. Disto, de avaliar o proceso para divulgar en detalle os resultados que poidan ser interesantes para cidadáns e empresas é do que tratan as xornadas As Relacións da Empresa coa Administración Electrónica, uns encontros que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) a partir deste martes 3 de maio e até o xoves 5 na Facultade de Ciencias Económicas de Santiago, colaboradora do evento xunto co Centro de Estudios Cooperativos.
O gran obxectivo das xornadas é favorecer un espazo activo para resolver as dúbidas que poidamos ter sobre as funcionalidades e o alcance da Administración Electrónica, sendo o divulgado de especial utilidade para o funcionariado, as empresas e os cidadáns en xeral.
A apertura das xornadas está prevista para as 10.00 horas deste martes, no salón de graos da dita Facultade, onde se darán cita un amplo número de especialistas en redes e administracións, abranguéndose cuestións máis específicas como o acceso da cidadanía aos servizos públicos, á contratación, á facturación, á protección de datos ou á informatización das cooperativas. Seguindo este fío, dicir que o encontro tamén achegará unha boa ocasión para coñecer en detalle o miolo da normativa sobre protección de datos e a súa aplicabilidade, e máis para afondar no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes.
Volvendo á sesión inaugural, sinalar que contará coa presenza do reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, a secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, a decana da Facultade de Ciencias Empresariais, Emilia Vázquez, o director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá e o director do CECOOP da USC, Manuel Botana.
· Programa do martes día 3
10.00 h. Inauguración
11.40 h. Acceso Electrónico dos cidadáns aos servizos públicos
Miguel Ángel Davara Rodríguez
Catedrático de Dereito
12.50 h. Coloquio
16.30 h. Mesa redonda
Empresa e Administración electrónica
Roberto Pereira Costa
Presidente do Consello Galego de Colexios de Economistas
Isidro Parga
Xerente Sector Público de PLEXUS
Carlos Fernández Castro
Presidente da Fegamp
18.30h. Fin da xornada

PUBLICIDADE