A promoción de lanzamento de Windows 8 remata o 31 de xaneiro

venres, 18 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Os usuarios dunha copia de Windows podían dende finais de outubro actualizarse a Windows 8 Pro por un prezo promocional de 29,99 euros (de realizar a operación vía web), pero esta oferta vai rematar o vindeiro día 31, e o cambio de prezo do produto vai ser substancial polo que podemos ver nos prezos que veñen de ser anunciados nos EE.UU., e que situarían a actual actualización (a Windows 8 Pro) a 199,99 dólares, a actualización á edición básica de Windows 8 a 119,99 dólares, o lote para elevar un Windows 8 á versión Pro a 99,99 dólares e o software de Media Center (actualmente de balde) por 9,99 dólares.
A primeiros de mes Microsoft anunciaba que venderan 60 millóns de licenzas de Windows 8, e non sería de sorprender que este volume mellore considerablemente ao ser conscientes os consumidores de que o prezo do software é bastante elevado, e que cómpre aproveitar a promoción actual.
Os usuarios que comprasen nos últimos meses un ordenador con Windows 7 tamén poden optar por unha actualización a Windows 8 Pro a un prezo promocional de 14,99 euros, o que a partir de febreiro tamén incrementará o seu custo ata 69,99 dólares.
Resulta evidente entón que os interesados en facerse con Windows 8 debería bulir para aforrar unha considerable cantidade de cartos na súa compra.

PUBLICIDADE