A presidenta de Microsoft falará en Santiago sobre as vantaxes da tecnoloxía para as empresas galegas

xoves, 12 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

A expresión “Sociedade do Coñecemento” xa quedou atrás no eido empresarial. Cómpre falar doutra cousa, que segue a incluír ó coñecemento como principal ben do sector privado pero que dispón outros moitos máis elementos en xogo, como por exemplo a globalización económica e financeira como proceso que troca para sempre o xeito de pór en marcha unha empresa de calquera sector, dende a súa raizame primeira. Pero hai máis: o desenvolvemento do mercado electrónico para o intercambio de produtos, os servizos en liña ou a redución de custos e tempos de produción. Trátase pois dun universo complexo, que require análises fondas e continuas. Na liña de achegar luz sobre estas cuestións, APD Zona Noroeste (en colaboración con Coremain) vai organizar o día 18 de abril en Santiago un almorzo-coloquio que contará coa presenza da presidenta de Microsoft Ibérica, Rosa García.
A xuntanza, que se desenvolverá no Hotel Meliá Araguaney de Compostela a partir das 13.30 horas, transcorrerá baixo o lema Tecnoloxía: Peza clave para a competitividade da economía galega. Segundo informa a Asociación para o Progreso da Dirección, as persoas interesadas en participar na sesión deberán formalizar previamente a asistencia, completando cos seus datos o boletín que fica dispoñible na web de APD. O prezo do almorzo para os socios da Asociación é de 50 euros máis IVE, e para os non socios de 60 euros máis IVE.

PUBLICIDADE